............................................Pagina Historia del Club

INICIO     Junta Directiva   Club   Organigrama sección deportiva   Fotos Siguenos en

 

 

Historia do Club Deportivo Conxo

No ano 1983, de cheo no retroceso do fútbol base na comarca compostelá debido á desaparición masiva de clubs históricos de Santiago, nace no barrio de Conxo un club de fútbol, herdeiro do que fora a Peña Navegante, que daquela reducira a súa actividade ás competicións do fútbol de veteranos.

Este novo equipo denominouse «Club Deportivo Conxo», entidade deportiva sen ánimo de lucro e que ten como o seu principal obxectivo a de cooperar na formación deportiva e humana dos seus xogadores.

Este Club comezou funcionando como unha escola de fútbol dirixida a nenos e mozos do barrio de Conxo e do concello de Santiago en xeral, pero a cada paso e cada día máis foi contando con mozos de concellos limítrofes como Teo, Ames, etc., e mais doutras comarcas máis arredadas como as da Barbanza, Muros e Fisterra.

Na súa creación participaron membros da directiva da Peña Navegante, que coñecían ben o mundo futbolístico, así como persoas que nunca estiveran relacionadas con el, mais que tiñan dalgunha forma experiencia en movementos socioculturais do barrio. Esta xente era un grupo de catequistas da parroquia de Conxo, que tiñan un club sen federar e ao que chamaban «Sporting Furoca».

Froito de longas e arduas reunións, o 1 de xuño de 1983 fúndase na Casa Parroquial o Club Deportivo Conxo. A Xunta Directiva foi a encargada de legalizar os estatutos, efectuar o rexistro do Club e mais de realizar unha rápida posta en marcha da entidade, xa que en setembro do mesmo ano participaba en todas as categorías existentes en Santiago (alevíns, infantís, xuvenís e modestos).

Na actualidade, as competicións nas que participa o Club Deportivo Conxo van dende as categorías de prebenxamíns ata a de veteranos, coa participación nas ligas locais, comarcais e galega.

Aquela Xunta fundadora estaba integrada por:

 

Presidente: Dr. Antonio Maceira Lema

Vicepresidente: D. Andrés Caeiro Delgado

Secretario: D. Juan Manuel Lago Sambad

Tesoureiro: D. Salvador Forján Lourido

 

Vogais:

• D. José Luis Seoane Fernández
• D. Rogelio Santiso González
• D. José Manuel Torres Quintela
• D. Juan José Lema Negrillo
• D. Arturo Turnes Rodríguez
• D. Roberto Cobas Gómez
• D. Manuel A. Villar Fernández

 

Así que se puxo en marcha o proxecto, xurdiu a principal inquedanza: a falla de instalacións.

Daquela, os adestramentos realizábanse no adro da Igrexa da Mercé, na explanada do Hospital Provincial, e a preparación física consistía en correr pola calzada das estradas, pois non había beiravías e moito menos beirarrúas.

Despois de longas conversas cos propietarios de leiras sen cultivar na zona de Cornes chegábase a un acordo para poder comezar a obrar nelas. No momento de se iniciar as devanditas obras houbo unha volta atrás por parte dun dos propietarios, e o que puido ser un campo para a competición quedou reducido nun campo de adestramento coñecido como «A Entrevías A».

Con todo, o que podía semellar un esforzo e sacrificio inútil resultou máis ben todo o contrario, pois puxéranse as primeiras pedras das actuais instalacións. Estudáronse novas alternativas e intentouse, logo de se descartar a merca de terreos polo seu elevado custo, a que parecía ser, aínda que chea de dificultades, a única saída viable: a de poñerse en contacto coa Xerencia do Sanatorio Psiquiátrico de Conxo e solicitar o seu apoio.

Hai que facer unha mención especial a varias persoas que con seu inestimable apoio e constancia fixeron posible sentar os piares para a creación das actuais instalacións deportivas. Eles foron: D. Ramón Sanmartín, o defunto Sr. Guerra, xerente daquela, o presidente do Consello D. José Astral Lorenzo e o concelleiro de Santiago D. Luís Pasín, que xunto con outros colaboradores, importantes todos eles, conforman unha longa lista de persoas coas que o Club Deportivo Conso estará sempre en débeda.
O día 6 de setembro de 1989, festa patronal de Conxo, o Consello de Administración aproba a cesión dunha parte da horta para instalacións deportivas, das que corría o Club Deportivo Conxo con todos os gastos para a súa construción.

O día 6 de setembro de 1989, festa patronal de Conxo, o Consello de Administración aproba a cesión dunha parte da horta para instalacións deportivas, das que corría o Club Deportivo Conxo con todos os gastos para a súa construcción.

Dende esa data o traballo multiplicouse, pero a todos nos enche de orgullo, e é un afago de consideración, o dispor dunhas instalacións das que gozan máis de 300 deportistas, nas que amplían a cotío a súa formación deportiva e sociocultural.

Estas instalacións, situadas no predio do Sanatorio Psiquiátrico de Conxo, foron inauguradas o 4 de abril de 1993, coa presenza das seguintes autoridades: o Sr. presidente da Deputación da Coruña, o Sr. alcalde do Concello de Santiago, o Sr. presidente e o Sr. xerente do Sanatorio Psiquiátrico de Santiago, a case totalidade da Corporación Municipal do Concello compostelán, o Sr. delegado de fútbol de Santiago, e escusou a súa ausencia a Sra. gobernadora civil da Coruña.

O partido inaugural disputouse entre a S.D. Compostela e o Vista Alegre, coincidindo a data co décimo aniversario do club. Tamén hai que salientar o partido das «vellas glorias», que convocou o que no seu día foran a crema do fútbol compostelán aló polos anos sesenta, e mais un torneo de fútbol sete, que se segue a manter hoxe en día.

Dende entón o Club Deportivo Conxo vén colaborando cos demais clubs da cidade que carecen de instalacións, aos que llelas cede en determinadas horas nas que non están ocupadas polos nosos equipos. Débese subliñar así mesmo que foron numerosas as finais de competición de categorías inferiores celebradas nas nosas instalacións, mesmo a nivel galego.

As instalacións na actualidade están compostas dun campo de céspede, outro de terra, unha zona de adestramento, tres vestiarios, un vestiario adestradores e árbitro, un pequeno ximnasio, unha lavandaría, a cantina e as oficinas do club.

E hoxe por hoxe, debido á alta competición no fútbol base de ligas galegas e mesmo á demanda de pais que se achegan ao club cos seus rapaces para poderen inscribilos neste club, as instalacións fanse insuficientes, polo que agardamos do Concello de Santiago que, en colaboración coas demais Administracións, faga o posible para poder ampliar estas con máis campos e vestiarios.

 

 

 

 

 

 

 

 

Siguenos en

 

.Contacta.. Tf e Fax 981.52.16.71 Apdo.1070-15870 Santiago de Compostela....correo iiinfo@cdconxo.es............. .............