
Historia
do Club Deportivo Conxo
No
ano 1983, de cheo no retroceso do fútbol base
na comarca compostelá debido á desaparición
masiva de clubs históricos de Santiago, nace
no barrio de Conxo un club de fútbol, herdeiro
do que fora a Peña Navegante, que daquela reducira
a súa actividade ás competicións
do fútbol de veteranos.
Este
novo equipo denominouse «Club Deportivo Conxo»,
entidade deportiva sen ánimo de lucro e que ten
como o seu principal obxectivo a de cooperar na formación
deportiva e humana dos seus xogadores.
Este
Club comezou funcionando como unha escola de fútbol
dirixida a nenos e mozos do barrio de Conxo e do concello
de Santiago en xeral, pero a cada paso e cada día
máis foi contando con mozos de concellos limítrofes
como Teo, Ames, etc., e mais doutras comarcas máis
arredadas como as da Barbanza, Muros e Fisterra.
Na
súa creación participaron membros da directiva
da Peña Navegante, que coñecían
ben o mundo futbolístico, así como persoas
que nunca estiveran relacionadas con el, mais que tiñan
dalgunha forma experiencia en movementos socioculturais
do barrio. Esta xente era un grupo de catequistas da
parroquia de Conxo, que tiñan un club sen federar
e ao que chamaban «Sporting Furoca».
Froito
de longas e arduas reunións, o 1 de xuño
de 1983 fúndase na Casa Parroquial o Club Deportivo
Conxo. A Xunta Directiva foi a encargada de legalizar
os estatutos, efectuar o rexistro do Club e mais de
realizar unha rápida posta en marcha da entidade,
xa que en setembro do mesmo ano participaba en todas
as categorías existentes en Santiago (alevíns,
infantís, xuvenís e modestos).
Na
actualidade, as competicións nas que participa
o Club Deportivo Conxo van dende as categorías
de prebenxamíns ata a de veteranos, coa participación
nas ligas locais, comarcais e galega.
Aquela
Xunta fundadora estaba integrada por:
Presidente: Dr. Antonio Maceira Lema
Vicepresidente:
D. Andrés Caeiro Delgado
Secretario: D. Juan Manuel Lago Sambad
Tesoureiro: D. Salvador Forján Lourido
Vogais:
• D. José Luis Seoane Fernández
• D. Rogelio Santiso González
• D. José Manuel Torres Quintela
• D. Juan José Lema Negrillo
• D. Arturo Turnes Rodríguez
• D. Roberto Cobas Gómez
• D. Manuel A. Villar Fernández
Así que
se puxo en marcha o proxecto, xurdiu a principal inquedanza:
a falla de instalacións.
Daquela,
os adestramentos realizábanse no adro da Igrexa
da Mercé, na explanada do Hospital Provincial,
e a preparación física consistía
en correr pola calzada das estradas, pois non había
beiravías e moito menos beirarrúas.
Despois
de longas conversas cos propietarios de leiras sen cultivar
na zona de Cornes chegábase a un acordo para
poder comezar a obrar nelas. No momento de se iniciar
as devanditas obras houbo unha volta atrás por
parte dun dos propietarios, e o que puido ser un campo
para a competición quedou reducido nun campo
de adestramento coñecido como «A Entrevías
A».
Con
todo, o que podía semellar un esforzo e sacrificio
inútil resultou máis ben todo o contrario,
pois puxéranse as primeiras pedras das actuais
instalacións. Estudáronse novas alternativas
e intentouse, logo de se descartar a merca de terreos
polo seu elevado custo, a que parecía ser, aínda
que chea de dificultades, a única saída
viable: a de poñerse en contacto coa Xerencia
do Sanatorio Psiquiátrico de Conxo e solicitar
o seu apoio.
Hai
que facer unha mención especial a varias persoas
que con seu inestimable apoio e constancia fixeron posible
sentar os piares para a creación das actuais
instalacións deportivas. Eles foron: D. Ramón
Sanmartín, o defunto Sr. Guerra, xerente daquela,
o presidente do Consello D. José Astral Lorenzo
e o concelleiro de Santiago D. Luís Pasín,
que xunto con outros colaboradores, importantes todos
eles, conforman unha longa lista de persoas coas que
o Club Deportivo Conso estará sempre en débeda.
O día 6 de setembro de 1989, festa patronal de
Conxo, o Consello de Administración aproba a
cesión dunha parte da horta para instalacións
deportivas, das que corría o Club Deportivo Conxo
con todos os gastos para a súa construción.
O día
6 de setembro de 1989, festa patronal de Conxo, o Consello
de Administración aproba a cesión dunha
parte da horta para instalacións deportivas,
das que corría o Club Deportivo Conxo con todos
os gastos para a súa construcción.
Dende
esa data o traballo multiplicouse, pero a todos nos
enche de orgullo, e é un afago de consideración,
o dispor dunhas instalacións das que gozan máis
de 300 deportistas, nas que amplían a cotío
a súa formación deportiva e sociocultural.
Estas
instalacións, situadas no predio do Sanatorio
Psiquiátrico de Conxo, foron inauguradas o 4
de abril de 1993, coa presenza das seguintes autoridades:
o Sr. presidente da Deputación da Coruña,
o Sr. alcalde do Concello de Santiago, o Sr. presidente
e o Sr. xerente do Sanatorio Psiquiátrico de
Santiago, a case totalidade da Corporación Municipal
do Concello compostelán, o Sr. delegado de fútbol
de Santiago, e escusou a súa ausencia a Sra.
gobernadora civil da Coruña.
O partido
inaugural disputouse entre a S.D. Compostela e o Vista
Alegre, coincidindo a data co décimo aniversario
do club. Tamén hai que salientar o partido das
«vellas glorias», que convocou o que no
seu día foran a crema do fútbol compostelán
aló polos anos sesenta, e mais un torneo de fútbol
sete, que se segue a manter hoxe en día.
Dende
entón o Club Deportivo Conxo vén colaborando
cos demais clubs da cidade que carecen de instalacións,
aos que llelas cede en determinadas horas nas que non
están ocupadas polos nosos equipos. Débese
subliñar así mesmo que foron numerosas
as finais de competición de categorías
inferiores celebradas nas nosas instalacións,
mesmo a nivel galego.
As
instalacións na actualidade están compostas
dun campo de céspede, outro de terra, unha zona
de adestramento, tres vestiarios, un vestiario adestradores
e árbitro, un pequeno ximnasio, unha lavandaría,
a cantina e as oficinas do club.
E hoxe
por hoxe, debido á alta competición no
fútbol base de ligas galegas e mesmo á
demanda de pais que se achegan ao club cos seus rapaces
para poderen inscribilos neste club, as instalacións
fanse insuficientes, polo que agardamos do Concello
de Santiago que, en colaboración coas demais
Administracións, faga o posible para poder ampliar
estas con máis campos e vestiarios.
|