|

Historia
do Club Deportivo Conxo
No ano 1983,
de cheo no retroceso do fútbol base na comarca compostelá
debido á desaparición masiva de clubs históricos
de Santiago, nace no barrio de Conxo un club de fútbol,
herdeiro do que fora a Peña Navegante, que daquela reducira
a súa actividade ás competicións do fútbol
de veteranos.
Este novo equipo
denominouse «Club Deportivo Conxo», entidade deportiva
sen ánimo de lucro e que ten como o seu principal obxectivo
a de cooperar na formación deportiva e humana dos seus
xogadores.
Este Club comezou
funcionando como unha escola de fútbol dirixida a nenos
e mozos do barrio de Conxo e do concello de Santiago en xeral,
pero a cada paso e cada día máis foi contando con
mozos de concellos limítrofes como Teo, Ames, etc., e mais
doutras comarcas máis arredadas como as da Barbanza, Muros
e Fisterra.
Na súa
creación participaron membros da directiva da Peña
Navegante, que coñecían ben o mundo futbolístico,
así como persoas que nunca estiveran relacionadas con el,
mais que tiñan dalgunha forma experiencia en movementos
socioculturais do barrio. Esta xente era un grupo de catequistas
da parroquia de Conxo, que tiñan un club sen federar e
ao que chamaban «Sporting Furoca».
Froito de longas
e arduas reunións, o 1 de xuño de 1983 fúndase
na Casa Parroquial o Club Deportivo Conxo. A Xunta Directiva foi
a encargada de legalizar os estatutos, efectuar o rexistro do
Club e mais de realizar unha rápida posta en marcha da
entidade, xa que en setembro do mesmo ano participaba en todas
as categorías existentes en Santiago (alevíns, infantís,
xuvenís e modestos).
Na actualidade,
as competicións nas que participa o Club Deportivo Conxo
van dende as categorías de prebenxamíns ata a de
veteranos, coa participación nas ligas locais, comarcais
e galega.
Aquela Xunta
fundadora estaba integrada por:
Presidente: Dr. Antonio Maceira Lema
Vicepresidente:
D. Andrés Caeiro Delgado
Secretario: D. Juan Manuel Lago Sambad
Tesoureiro: D. Salvador Forján Lourido
Vogais:
• D. José Luis Seoane Fernández
• D. Rogelio Santiso González
• D. José Manuel Torres Quintela
• D. Juan José Lema Negrillo
• D. Arturo Turnes Rodríguez
• D. Roberto Cobas Gómez
• D. Manuel A. Villar Fernández
Así que se puxo
en marcha o proxecto, xurdiu a principal inquedanza: a falla de
instalacións.
Daquela, os adestramentos
realizábanse no adro da Igrexa da Mercé, na explanada
do Hospital Provincial, e a preparación física consistía
en correr pola calzada das estradas, pois non había beiravías
e moito menos beirarrúas.
Despois de longas
conversas cos propietarios de leiras sen cultivar na zona de Cornes
chegábase a un acordo para poder comezar a obrar nelas.
No momento de se iniciar as devanditas obras houbo unha volta
atrás por parte dun dos propietarios, e o que puido ser
un campo para a competición quedou reducido nun campo de
adestramento coñecido como «A Entrevías A».
Con todo, o que
podía semellar un esforzo e sacrificio inútil resultou
máis ben todo o contrario, pois puxéranse as primeiras
pedras das actuais instalacións. Estudáronse novas
alternativas e intentouse, logo de se descartar a merca de terreos
polo seu elevado custo, a que parecía ser, aínda
que chea de dificultades, a única saída viable:
a de poñerse en contacto coa Xerencia do Sanatorio Psiquiátrico
de Conxo e solicitar o seu apoio.
Hai que facer
unha mención especial a varias persoas que con seu inestimable
apoio e constancia fixeron posible sentar os piares para a creación
das actuais instalacións deportivas. Eles foron: D. Ramón
Sanmartín, o defunto Sr. Guerra, xerente daquela, o presidente
do Consello D. José Astral Lorenzo e o concelleiro de Santiago
D. Luís Pasín, que xunto con outros colaboradores,
importantes todos eles, conforman unha longa lista de persoas
coas que o Club Deportivo Conso estará sempre en débeda.
O día 6 de setembro de 1989, festa patronal de Conxo, o
Consello de Administración aproba a cesión dunha
parte da horta para instalacións deportivas, das que corría
o Club Deportivo Conxo con todos os gastos para a súa construción.
O día
6 de setembro de 1989, festa patronal de Conxo, o Consello de
Administración aproba a cesión dunha parte da horta
para instalacións deportivas, das que corría o Club
Deportivo Conxo con todos os gastos para a súa construcción.
Dende esa data
o traballo multiplicouse, pero a todos nos enche de orgullo, e
é un afago de consideración, o dispor dunhas instalacións
das que gozan máis de 300 deportistas, nas que amplían
a cotío a súa formación deportiva e sociocultural.
Estas instalacións,
situadas no predio do Sanatorio Psiquiátrico de Conxo,
foron inauguradas o 4 de abril de 1993, coa presenza das seguintes
autoridades: o Sr. presidente da Deputación da Coruña,
o Sr. alcalde do Concello de Santiago, o Sr. presidente e o Sr.
xerente do Sanatorio Psiquiátrico de Santiago, a case totalidade
da Corporación Municipal do Concello compostelán,
o Sr. delegado de fútbol de Santiago, e escusou a súa
ausencia a Sra. gobernadora civil da Coruña.
O partido inaugural
disputouse entre a S.D. Compostela e o Vista Alegre, coincidindo
a data co décimo aniversario do club. Tamén hai
que salientar o partido das «vellas glorias», que
convocou o que no seu día foran a crema do fútbol
compostelán aló polos anos sesenta, e mais un torneo
de fútbol sete, que se segue a manter hoxe en día.
Dende entón
o Club Deportivo Conxo vén colaborando cos demais clubs
da cidade que carecen de instalacións, aos que llelas cede
en determinadas horas nas que non están ocupadas polos
nosos equipos. Débese subliñar así mesmo
que foron numerosas as finais de competición de categorías
inferiores celebradas nas nosas instalacións, mesmo a nivel
galego.
As instalacións
na actualidade están compostas dun campo de céspede,
outro de terra, unha zona de adestramento, tres vestiarios, un
vestiario adestradores e árbitro, un pequeno ximnasio,
unha lavandaría, a cantina e as oficinas do club.
E hoxe por hoxe,
debido á alta competición no fútbol base
de ligas galegas e mesmo á demanda de pais que se achegan
ao club cos seus rapaces para poderen inscribilos neste club,
as instalacións fanse insuficientes, polo que agardamos
do Concello de Santiago que, en colaboración coas demais
Administracións, faga o posible para poder ampliar estas
con máis campos e vestiarios.
|